Saturday 18 de May de 2024

O Concello de Lousame rexistrou un superávit de 311.33,24 euros no exercicio 2018


 

O pleno delegou as súas competencias na Alcaldía para a sinatura do expediente de contratación das obras do reforzo do firme do viario de Portobravo a Tállara, nas que a Xunta investirá case 450.000 euros

O Concello de Lousame rexistrou un superávit de 311.333,24 euros no exercicio de 2018, no que o resultado orzamentario foi de 181.530,43 euros e un remanente de tesourería para gastos xerais de 279.291,54 euros. Uns datos ofrecidos pola alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, durante a sesión plenaria extraordinaria celebrada na noite de onte xoves en Lousame.

Villaverde Pais explicou que “Lousame ten débeda bancaria cero e o aforro neto é positivo, de 82.189 euros, incluíndo o préstamo de 2018-2019 que aínda está sen contratar”. Así mesmo, ratificou que o Concello cumpre coa regra de gasto, cunha marxe de 69.853,21 euros, e o límite de endebedamos, que está situado no 39,33% fronte ao 70% marcado como límite. O período medio de pago é de 4,76 días. “Penso que son uns bos datos e que son resultado do traballo feito”, concluíu a alcaldesa lousamiá.

Investimentos

Na sesión plenaria aprobáronse por unanimidade dous recoñecementos de crédito e unha modificación de crédito con cargo ao remanente de tesourería. O REC 4/2019 destinará 1.300 euros para o pago de facturas presentadas o 30 e 31 de decembro, así como 65.119 euros de cotas da mancomunidade. O REC 5/2019 destinará 713 euros para o pago dun deshumidificador e unha cociña.

O pleno tamén aprobou un suplemento de crédito de case 75.000 euros, financiado con cargo ao Remanente de Tesourería para Gastos Xerais, para a compra duns arquivadores, dunhas luminarias para o campo de fútbol, “que permitirán un aforro enerxético do 70%, de forma que aforraremos máis de 3.000 euros ao ano nesta instalación”, puntualizou Villaverde Pais, e para a cuberta do polideportivo municipal Pilar Barreiro Senra.

Pavimentación Portobravo-Tállara

Finalmente, o pleno aprobou, coa abstención do PSOE, a delegación na alcaldesa de Lousame da competencia de sinatura do expediente de contratación 5/2019: reforzo do firme do viario de Portobravo a Tállara. “O 8 de xaneiro asinamos o convenio de colaboración, o proxecto chegou en febreiro de 2019 e ten que estar xustificado a 30 de novembro. Como temos 6 meses para executar as obras, o tempo é moi axustado polo que para axilizar as cousas propoñemos esta delegación”, explicou Villaverde Pais.

As obras de mellora do firme da vía que conecta Portobravo e Tállara suporá un investimento de case 450.000 euros, que achegará a Xunta de Galicia para que o Concello de Lousame acometa os traballos. Unhas obras que permitirán incrementar o afirmado deste viario municipal, que consta dunha lonxitude de máis de 5 quilómetros de lonxitude, e dotalo da capa de rodadura axeitada ao volume de tráfico que rexistra.

As obras consistirán no estendido dunha capa de mestura asfáltica con aglomerado duns 5 cm en toda a estrada, así como a posterior reposición completa das marcas viarias e a instalación de bandas sonoras para a redución de velocidade.